A inicios de maio, embarcámonos nunha intensa inmersión de dous días polas rexións portuguesas de Trás-os-Montes, Alto Douro e Beira Alta, así como pola raia seca galegoportuguesa. O obxectivo non foi só coñecermos o territorio, senón tamén comprendermos as diferenzas entre estas rexións, a súa identidade propia e o seu encaixe político-administrativo nun Estado centralizado como Portugal, alén de reflexionarmos sobre se a fronteira implica realmente unha ruptura no territorio.
A viaxe comezou cunha visita ao AECT Eurocidade Chaves–Verín, para logo realizarmos un percorrido a pé entre Cambedo e San Cibrao xunto coa alcaldesa de Oímbra. Durante este traxecto, puidemos afondar nas particularidades de Cambedo, así como dialogarmos sobre as dinámicas sociais, políticas, ambientais e económicas ligadas á raia e sobre o proxecto AECT Raia Seca como futura ferramenta de cooperación transfronteiriza.
Deseguido, mergullámonos no Alto Douro, facendo parada en Peso da Régua e Lamego, onde unha cata nos permitiu distinguir entre os viños do Porto e os do Alto Douro. Un dos momentos máis intensos da xornada chegou coa experiencia dos miradouros de São Leonardo de Galafura e São Salvador do Mundo, desde os que foi posíbel analizarmos as transformacións da paisaxe, o curso do río e o funcionamento socioeconómico e político desta rexión interior, fortemente conectada a nivel internacional e berce da primeira denominación de orixe territorializada do mundo.
Tras pasar a noite en Vila Nova de Foz Coa, a segunda xornada comezou no miradoiro de Santa Bárbara, que nos ofreceu unha nova perspectiva sobre o Douro Superior e as súas diferenzas respecto aos territorios visitados o día anterior. A mañá estivo dedicada ao estudo sobre o terreo da renaturalización, un concepto chave na xestión ambiental actual en Europa e en Norteamérica, cunha visita a Rewilding Portugal, referente neste eido. En Vale de Madeira, porta de entrada ao espazo do Ermo das Águias, coñecemos de primeira man as intervencións baseadas nestes principios.
O traballo de campo rematou en Pinhel, cun debate ao redor da situación da Beira Alta, apoiado en textos xeográficos e literarios. Reflexionamos sobre a realidade dos espazos rurais de moi baixa densidade, especialmente os ligados á fronteira hispano-portuguesa, agás nos vales fluviais do Miño e do Guadiana. Asemade, valoramos o impacto potencial das políticas de cooperación transfronteiriza impulsadas por iniciativas como os AECT Meseta Ibérica e Puerta/Porta de Europa, e a súa capacidade para xeraren cambios reais nestes territorios.
Valerià Paül