Chegou o final de curso 2025-26 coa xa clásica saída de campo de tres días ao Parque Natural de Somiedo (Asturias), unha actividade orientada a coñecer sobre o terreo diferentes procesos relacionados coa bioxeografía de montaña, a interpretación da paisaxe e as transformacións socioeconómicas que afectan aos espazos rurais de montaña.
A visita contou coa colaboración do Concello de Pola de Somiedo, que ofreceu unha charla inicial na que se abordaron algunhas das principais problemáticas do municipio, como o envellecemento demográfico, a prestación de servizos nun territorio disperso, a conservación do patrimonio natural e as oportunidades ligadas ao turismo e ao desenvolvemento local.
Ao longo das xornadas realizáronse diferentes itinerarios por lugares emblemáticos do parque, entre eles Valle del Lago e o conxunto lacustre de Saliencia. Estas visitas permitiron analizar a relación entre os procesos naturais e a acción humana na configuración da paisaxe, así como observar sobre o terreo aspectos relacionados coa dinámica dos ecosistemas de montaña, os usos tradicionais do territorio e os desafíos asociados á súa conservación.
A saída concluíu cun percorrido pola costa asturiana no que participou profesorado da Universidade de Oviedo. Nesta última sesión abordáronse cuestións relacionadas coa dinámica xeolóxica e xeomorfolóxica do litoral cantábrico, así como diversos problemas ambientais que afectan aos esteiros e áreas costeiras. Especial atención recibiu a evolución das cuncas do Nalón e do Navia, onde se analizaron os procesos de contaminación e a intensa ocupación do espazo producida ao longo do século XX e as súas consecuencias sobre os ecosistemas costeiros. Ademais de para probar diversos tipos de cachopo, as xornadas serviron para reforzar a aprendizaxe práctica dos estudantes mediante a observación directa do territorio, favorecendo unha comprensión integradora das interaccións entre sociedade, medio ambiente e paisaxe!
Horacio García