O pasado mes de xuño celebrouse en Soria o V Congreso Ibérico de Restauración Fluvial (RestauraRíos 2026), un dos principais encontros da Península Ibérica sobre recuperación e xestión dos ecosistemas fluviais. O evento reuniu persoal investigador, profesionais e administracións públicas para intercambiar experiencias e debater sobre restauración fluvial, cambio climático, gobernanza da auga e solucións baseadas na natureza.
O Departamento de Xeografía da USC participou activamente no congreso con varias comunicacións centradas na xestión da auga e a restauración dos ecosistemas. Un dos traballos, presentado por María Noya Juncal, abordou a restauración integral do río Sar a escala de cunca hidrográfica, propoñendo unha metodoloxía baseada na identificación de presións e impactos, a definición de obxectivos e a priorización de actuacións para mellorar o estado ecolóxico do río.
Outra das achegas, presentada por Aniela Stachnik-Pérez, centrouse nas turbeiras da Serra do Xistral como “territorios esponxa”, ecosistemas con capacidade para almacenar e regular a auga de forma natural. Os primeiros resultados da monitorización hidrometeorolóxica destes sistemas puxeron de relevo o seu potencial como solución baseada na natureza para reforzar a resiliencia fronte ao cambio climático.
O profesor Horacio García participou tamén cunha comunicación sobre o denominado “caso ALTRI” na cunca do río Ulla, centrada na análise dos procesos de avaliación ambiental asociados a grandes proxectos industriais e na necesidade de incorporar enfoques máis integrais e adaptativos na xestión dos recursos hídricos.
A participación nestas sesións reforza o papel da Xeografía nos debates actuais sobre restauración fluvial, planificación territorial e xestión sostible da auga, contribuíndo desde unha perspectiva integradora aos grandes desafíos ambientais do presente.
Horacio García