O pasado mércores 20 de maio, o profesor de Xeografía Diego Cidrás participou no Festival Pint of Science, celebrado en Brión. Este evento gratuíto ten como obxetivo achegar a ciencia á cidadanía nun espazo distendido como son os bares. Alí, a Xeografía estivo presente cunha sesión titulada “O eucalipto e os límites da ciencia das invasións”.
Durante a súa intervención, Cidrás puxo sobre a mesa a experencia que xurdiu en 2017 no concello de Teo, cando este iniciou un proceso para que o eucalipto fose declarado Especie Exótica Invasora. Tras un percorrido tenso por órganos administrativos e ministeriais, o caso acabou nos tribunais, xerando un conflito que desbordou a política e puxo en cuestión o papel da ciencia. O relatorio percorreu os camiños abertos aquel ano para discutir os límites da ciencia das invasións e imaxinar formas alternativas de pensar as especies invasoras.
O profesor amosou así que, nun territorio coma o galego onde o eucalipto domina cada vez máis superficie, a pregunta segue aberta: é realmente unha especie invasora? Ao finalizar a charla, o caso abriu un prolongado debate entre os asistentes. Deste xeito, a Xeografía amosou o seu valor sobre unha das cuestións ambientais e territoriais máis candentes de Galicia.
Gabriel Canle de Andrés