Nestes meses de xaneiro e febreiro deron comezo as charlas sobre fronteiras e Xeografía en diversos institutos do país, no marco do Programa A Ponte. As sesións están a cargo dos profesores Juan Manuel Trillo e Valerià Paül. As dúas primeiras tiveron lugar no IES Xulián Magariño de Negreira e no IES Coruxo de Vigo. Neste último, Valerià Paül estivo acompañado por Bruno Iglesias, estudante de 4º do Grao de Xeografía e Ordenación do Territorio, quen, logo da charla, presentou o título universitario desde a perspectiva do propio alumnado que o está a cursar.
O principal obxectivo destas charlas é desmontar a idea de que a Xeografía consiste só en memorizar mapas políticos con países de cores distintas, fronteiras ríxidas e capitais asociadas. A disciplina vai moi alén diso. A Xeografía interrógase sobre o sentido desas liñas, o seu carácter construído e cambiante e os conflitos que poden xerar. Ademais, analiza como inflúen na mobilidade das persoas e mesmo inciden nas súas identidades individuais e colectivas, así como na xestión de ríos, montañas ou áreas urbanas e metropolitanas.
A disciplina participa, ademais, na creación de rexións transfronteirizas que superan as fronteiras estatais en múltiples sentidos. Un exemplo é a raia galego‑portuguesa, onde naceron diversas eurocidades e/ou agrupamentos europeos de cooperación territorial. Nestes proxectos, os xeógrafos teñen un papel chave, por exemplo, na elaboración de plans e estratexias territoriais que axudan a definir cara a onde deben avanzar integradamente estes territorios en común no futuro, superando as barreiras existentes.
Durante as charlas contrástanse así fronteiras moi pechadas —como as de Melilla ou a que separa Estados Unidos e México— co escenario aberto da Unión Europea, marcado polo progresivo abatemento das fronteiras internas. A través destes territorios, a Xeografía permítenos cuestionar aquelas fronteiras que damos por fixas e mesmo imaxinar formas de superalas.
Valerià Paül