Este libro é o resultado da culminación do proxecto TRANSINTER (2022-2025), que procurou situar no centro do debate territorial unha reflexión en chave de fronteiras externas e internas de España. Para iso, colaboraron profesionais de distintas disciplinas (Xeografía, Dereito, Ciencia Política e Economía), co obxectivo de ofreceren unha visión clara e accesíbel sobre como se organizan e xestionan estes espazos e cales son os principais obstáculos que seguen a condicionar a acción conxunta entre territorios veciños.
A obra adopta un enfoque comparativo baseado fundamentalmente en técnicas cualitativas, como entrevistas, grupos focais, observación participante e análise documental. A partir do estudo de dez áreas seleccionadas, o libro pon en diálogo dúas realidades contrastadas: por unha banda, as fronteiras externas de España con Portugal e Francia; pola outra, as fronteiras internas entre comunidades autónomas.
O libro conta, ademais, cunha introdución dos tres editores que contextualiza o contido dos distintos capítulos. Así mesmo, péchase con dous balances investigadores sobre os traballos desenvolvidos nos dous tipos de fronteira, que pretenden ofrecer senllos estados da cuestión breves na materia.
Juan M. Trillo Santamaría