Entre a rocha e a auga: unha mirada xeográfica ao Courel na EGN Week 2026

Esta pasada fin de semana tivo lugar no marco da EGN Week 2026 (European Geoparks Network Week) unha actividade no Xeoparque Montañas do Courel que combinou divulgación científica, turismo da natureza e lecer nun contorno excepcional. Esta iniciativa internacional pon en valor a conexión entre a historia xeolóxica da Terra, as comunidades locais e o medio natural.
 
No caso do Courel, a xornada centrouse nun descenso por un tramo do río Ferreiriño, que atravesa a coñecida dobra de Campodola, un dos espazos máis representativos e emblemáticos do Xeoparque. A actividade desenvolveuse en formato de barranquismo, permitindo unha aproximación directa ao medio fluvial e aos seus procesos xeomorfolóxicos.
 
Durante o percorrido, a experiencia deportiva estivo acompañada de explicacións científicas, co obxectivo de interpretar sobre o terreo a singularidade dos chamados “ríos en rocha”. Neste contexto, o profesor Horacio García participou na xornada achegando unha lectura interpretativa destes sistemas, explicando os procesos hidrolóxicos, xeomorfolóxicos e bioxeográficos neste tipo de leitos de excepcional valor e onde o Courel constitúe o mellor dos catálogos.
 
A actividade puxo de manifesto, ademais, o potencial do Xeoparque como espazo privilexiado para a divulgación científica, amosando como a Xeografía tamén pode contribuír a comprender e valorar a dinámica do territorio a través de experiencias inmersivas.
 

Horacio García

more insights