O Colexio de Xeógrafos e a Asociación Geoinnova unen forzas para lanzar “Xeografía en Acción”, un ambicioso proxecto audiovisual que nace coa ilusión de achegar á sociedade o valor real e práctico da disciplina xeográfica. Máis aló da teoría, este proxecto busca visibilizar como os coñecementos xeográficos se materializan en accións concretas que modelan o noso entorno e dan resposta aos retos contemporáneos.
A iniciativa articúlase como unha serie de entrevistas realizadas a xeógrafas e xeógrafos que exercen a súa profesión desde múltiples prismas, tanto no sector público como no privado. Estas conversas serven para dar voz a traxectorias profesionais reais e diversas. O seu obxectivo é desmontar de maneira definitiva o cliché persistente de que a xeografía se limita ao estudo de mapas, capitais e ríos, demostrando a súa aplicación directa en eixos estratéxicos como a ordenación do territorio, o urbanismo sostible, a xestión ambiental, o desenvolvemento rural, a análise turística e paisaxística ou o potencia dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX).
Con “Xeografía en Acción”, non só se pretende mostrar as amplas saídas profesionais da carreira, o proxecto aspira a xerar un espazo de reflexión común e construír comunidade. En definitiva, trátase dunha aposta firme polo recoñecemento social da xeografía como ferramenta fundamental para crear territorios máis resilientes, equilibrados e preparados para o futuro. O primeiro episodio xa está dispoñible na súa canle de Youtube. Presenta a Sergio Casquero Asiain, xeógrafo autónomo e vocal do Colexio de Xeógrafos en Canarias, cunha ampla traxectoria en ordenación do territorio, SIX e xestión catastral.
Gabriel Canle de Andrés