Programa A Ponte

Co obxectivo de difundir a oferta de estudos da USC entre o alumnado de Ensino Medio, e tratando de orientar academicamente as súas preferencias, a Universidade puxo en marcha no curso 2023-24 o programa A Ponte.

A Ponte estruturase en dous tipos de actividades. Por un lado, visitas aos centros de Ensino Medio de Galicia dunha delegación da USC para presentar a oferta formativa da Universidade. Estas visitas tamén están dispoñibles para ANPAS e outros colectivos de nais e pais. Polo outro, ofrécense charlas impartidas por docentes da USC sobre contidos do seu ámbito académico e/ou investigador, impartidas en centros de Ensino Medio, e dirixidas a estudantes de Bacharelato e Ciclos Formativos de grao Superior. En ocasións, si o aforo o permite, e os contidos o aconsellan, as charlas están abertas a alumnado da ESO.

    O Departamento de Xeografía, co dobre obxectivo de achegar os novos enfoques e desafíos do coñecemento xeográfico aos estudantes de Ensino Medio, e de difundir o Grao de Xeografía e Ordenación do Territorio, colabora activamente con A Ponte.

    Durante o curso 2025/2026, o profesorado do Departamento de Xeografía oferta un total de sete charlas temáticas, que podes cotexar a continuación:

    A xeografía, a ciencia para comprender o planeta no Antropoceno

    Profesorado: Paül Carril, Valeriá; Pazos Otón, Miguel; Trillo Santamaría, Juan Manuel; Vila Vázquez, José Ignacio.

    Resumo: Nun mundo marcado por transformacións profundas, a xeografía preséntase como unha ferramenta chave para interpretar a complexidade inherente á contorna que nos envolve e que tanto modificamos como seres humanos. Esta charla abordará como o concepto de Antropoceno nos convida a repensar a nosa presenza no planeta, o que comporta mobilizar ao mesmo tempo fenómenos como o quecemento global, os desastres climáticos, a fame, a mundialización, a urbanización e as guerras e conflitos derivados da presión sobre os recursos. A partir dunha ollada integral, proponse concibir o cambio global desde unha perspectiva xeográfica que conecta o coñecemento dos aspectos ambientais e naturais cos sociais e culturais, de xeito que se pretende promover así unha comprensión crítica, sensible, implicada e integral do mundo.

    Xeografía, a carreira total: entre ciencias naturais e ciencias sociais

    Profesorado: García, Horacio; Blanco Chao, Ramón; Valcárcel Díaz, Marcos; Costa Casais, Manuela; Vicente Liz, André.

    Resumo: O Grao de Xeografía experimentou cambios importantes desde hai uns anos cun plan renovado e moi actualizado. A idea de “totalidade” da carreira de Xeografía radica no feito de que é a única do espectro académico actual que se nutre das ciencias naturais e da terra, por un lado, e das ciencias sociais e humanidades, polo outro. Este factor diferencial co que non contan outras carreiras é de gran relevancia no actual mundo globalizado no que é preciso ter unha visión holística e interconectada dos fenómenos. É IMPORTANTE dirixirnos non só aos alumnos e alumnas que cursan Bacharelato de Ciencias Sociais ou Humanidades, senón tamén a alumnos e alumnas con interese nas Ciencias da Terra, Ciencias Ambientais, Bioloxía ou Xeoloxía.

    Aplicacións e potencialidades dos sistemas de informaciónxeográfica (SIX)

    Profesorado: Piñeira Mantiñán, María Jose; Piñeiro Antelo, María Ángeles

    Resumo: A aparición dos SIX é relativamente recente, pero a súa utilización e as súas aplicacións son cada vez maiores, e tamén os ámbitos profesionais que abarca. Esta charla tratará das aplicacións e potencialidades dos sistemas de información xeográfica (SIX) nos campos da ordenación do territorio, prevención de riscos naturais, xestión de redes, ou diagnose de desigualdades sociais.

    Xeografía en acción: taller de cartografía humanitaria a través dun SIX

    Profesorado: Cidrás Fernández, Diego.

    Resumo: A Xeografía non só ten a encomenda de comprender mellor o mundo, senón tamén de contribuír á súa mellora. Neste sentido, as tecnoloxías de información xeográfica ofrecen unha ponte entre o local e o global, permitindo actuar sobre desafíos afastados e, moitas veces, invisibilizados. Esta charla-taller, destinada a alumnado de secundaria ou bacharelato, ten como obxectivos, por unha banda, introducir o papel dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) nos estudos de Xeografía e, por outra, realizar unha pequena aproximación práctica. Para isto, somerxerémonos nun proxecto colaborativo de cartografía humanitaria baseado en OpenStreetMap. Deste xeito, procurarase que o alumnado experimente de primeira man o impacto e a utilidade social da Xeografía a través das súas técnicas de traballo.

    A economía azul para o futuro das zonas costeiras

    Profesorado: Piñeiro Antelo, María de los Ángeles; Piñeira Mantiñán, María José.

    Resumo: A ordenación do espazo marítimo e litoral vén cobrando cada vez máis importancia nas últimas décadas, debido ao aumento da intensidade de uso dos océanos e á necesidade do seu uso e xestión sustentables. A economía azul precisa dunha planificación territorial eficiente para evitar conflitos entre actividades económicas, e para garantir que os beneficios económicos do mar sexan sustentables no tempo e compatibles coa conservación ambiental.
    A procura dun equilibrio entre aproveitamento económico, protección ambiental e regulamentos de uso fai que sexa necesario coordinar esforzos e buscar canles de aproximación entre as administracións e as comunidades litorais. Este é o fundamento desta charla, que se orienta en especial en destacar as potencialidades que o Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio ten para formar profesionais en xestión planificada das zonas costeiras e marítimas, que traballen para evitar a sobreexplotación do mar e minimizar os impactos sobre os ecosistemas.

    As fronteiras na xeografía do mundo actual

    Profesorado: Trillo Santamaría, Juan Manuel; Paül Carril, Valeriá.

    Resumo: As fronteiras son coñecidas polo xeral como liñas que demarcan os países. Velaí os muros, os valados e os peches que están no centro da actualidade -Ceuta e Melilla, Estados Unidos/México ou Israel/Palestina, por mencionar tres mostras paradigmáticas-: lonxe de abalar, non se paran de reforzar e resultan escenarios de conflitos abertos. Porén, nas últimas décadas, no contexto da Unión Europea, as fronteiras están a converterse en ámbitos privilexiados para a cooperación, por exemplo a través de programas como INTERREG. Na charla mobilizaremos en todo momento distintas realidades fronteirizas do planeta desde unha abordaxe xeográfica e, particularmente, xeopolítica, con incursións constantes en aspectos tales como as migracións ou a xestión de recursos naturais en áreas fronteirizas.

    Confort urbano: O reto de facer cidades habitables e amigables

    Profesorado: López Rodríguez, Ramón; Piñeira Mantiñán, María José; Durán Villa, Francisco Ramón

    Resumo: O propósito é mostrar unha perspectiva diferente da sostibilidade urbana, ligada ao concepto de confort. Este inflúe na calidade de vida e benestar individual e colectivo que o entorno urbano proporciona a poboación. Mostraranse o conxunto de condicións que teñen influencia, exemplos de intervencións nesta liña, e a influencia das estratexias como a Axenda Urbana ou os ODS nos modelos urbanos actuais.