O Departamento de Xeografía colabora desde o ano 2018 co programa Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital.
A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto, e na actualidade conta com 658 alumnos matriculados (o 55,62 % deles mulleres).
STEMBach inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación, e o Departamento de Xeografía ten ofertado desde o bienio 2018-2020, e ata o actual 2022-2014, proxectos de moi variada natureza, que se relacionan a continuación:
– “Retos medioambientais e socioeconómicas do monte en Galicia”, titorizado por Ángel Miramontes,
– “Desenvolvemento sustentable nas comunidades altamente dependentes da pesca en Galicia”, titorizado por Ángeles Piñeiro,
– “A raia como motor de desenvolvemento: proxectos de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal”, titorizado por Juan M. Trillo Santamaría e Valerià Paül Carril,
– “As linguaxes espaciais das fontes literarias (máis alá da palabra), titorizado por Lucrezia Lopez
O STEMBach contribúe a afondar nos procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico. Facilita tamén a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.
O Programa STEMBach promove a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, e supón unha canle de conexión directa co ensino universitario.