O pasado 15 de decembro tivo lugar no IES Ramón María Aller Ulloa unha actividade para introducir o alumnado de 2º de Bacharelato no mundo dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX), a través dun proxecto de cartografía humanitaria aberto á cidadanía.
A sesión, impartida por Diego Cidrás, partiu da idea de que a Xeografía non só permite comprender o mundo, senón tamén contribuír á súa mellora, empregando ferramentas capaces de conectar o ámbito local co global.
A actividade, concibida como charla-taller, permitiu ao alumnado experimentar de primeira man unha mostra da utilidade social da Xeografía e o impacto real das súas técnicas de traballo, actuando sobre problemáticas afastadas e frecuentemente invisibilizadas.
Esta actividade forma parte do programa A Ponte, no cal colabora activamente o Departamento de Xeografía da USC, coa finalidade de achegar os novos enfoques e desafíos do coñecemento xeográfico, así como difundir o Grao de Xeografía e Ordenación do Territorio entre o alumnado de ensino secundario.
Diego Cidrás & Gabriel Canle