1º e 4º do grao, de traballo de campo nas Montañas de Trevinca

Os días 7 e 8 de novembro, os grupos de 1º e 4º do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio fixemos unha saída ás Montañas de Trevinca para as materias de Introdución á Xeografía rexional e Xestión territorial da paisaxe.

Comezamos coa vista desde a Torre de Sandiás sobre a Serra de San Mamede, preludio perfecto para reflexionarmos sobre o contraste entre montañas e chairas, onde até hai poucas décadas existía a Lagoa de Antela, hoxe apenas intuída polo asulagamento ás veces dos eidos coa choiva. Preguntámonos: son as Montañas Orientais galegas unha rexión diferenciada? Son paisaxes distintas? Antes do xantar en Viana do Bolo, visitamos a estación de alta velocidade da Gudiña-Porta de Galiza e as Borreas de Caldesiños. Falamos do valor material e intanxíbel da paisaxe, da situación das cabeceiras comarcais rurais e das áreas de influencia das grandes infraestruturas. Pola tarde exploramos a fronteira entre Galiza e (Castela e) León, referíndonos aos debates existentes nos concellos de Porto e Pías, nomeadamente sobre a estrada de acceso e o parque natural, e ao megaincendio deste verán que afectou este territorio fronteirizo. Desde a Serra Seca observamos diferenzas na xestión a ambos lados da fronteira e admiramos as morenas de Cepedelo, onde pensamos sobre a vida na aldea máis alta do país. A xornada rematou en Barxacova, cun paseo, xa á noitiña e baixo unha choiva miudiña, até o curro do lobo.

O segundo día estudamos as lagoas de Ocelo e Laceiras, abordando pegadas glaciares, conservación da natureza, abandono rural, xestión cinexética, explotación forestal, lumes, gandaría ou desenvolvemento endóxeno. Pola tarde visitamos un hotel rural en Corzos e as polémicas minas de coltán en Penouta, debatendo como interactúan escalas globais en lugares periféricos: Bruxelas, Madrid, Melbourne (en verdade, Chengdu?) ou Toronto sen saírmos das Montañas de Trevinca!

Valerià Paül

more insights