A ACSUG emite informe favorábel para o novo Mestrado en Planificación Territorial e Urbana

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) vén de emitir o informe favorábel para a implantación do Mestrado en Planificación Territorial e Urbana, unha nova titulación que se ofertará por primeira vez no curso 2026-2027. Trátase dunha proposta académica novidosa orientada á formación de profesionais da planificación cun marcado enfoque práctico e adaptado a distintas escalas espaciais, desde o ámbito local até o global.
 
A matrícula abrirase en xullo de 2026 e permanecerá dispoñíbel até setembro ou até que se esgoten as prazas. Toda a información detallada sobre o programa formativo pode consultarse en dous vencellos electrónicos habilitados para tal fin: completa na web da USC e, máis simplificada, nun díptico.
 
O mestrado sitúase de cheo na procura da cohesión territorial, a sustentabilidade e a resposta aos complexos retos socioambientais do Antropoceno. O programa está orientado á elaboración aplicada de distintos tipos de plans —entre outros, estratéxicos, urbanísticos, de mobilidade, directrices territoriais ou iniciativas de desenvolvemento local, rural e rexional— baseados en métodos participativos e analíticos sólidos e nunha comprensión rigorosa do contexto do cambio global no que nos inserimos.
 
O profesorado conta cunha ampla experiencia práctica en planificación e xestión territorial e urbana. Está composto principalmente por especialistas da Xeografía —disciplina que o Colexio de Xeógrafos recoñece como chave neste ámbito— e tamén por profesionais de Economía, Arte ou Ciencias da Terra. Trátase dun equipo de prestixio internacional, con traxectorias destacadas, incluíndo ex-presidencias de comisións mundiais de Xeografía urbana e rural e responsabilidades actuais en organismos como a Unión Xeográfica Internacional, a Asociación Española de Xeografía ou a Sociedade Española de Xeomorfoloxía, así como unha relevante captación de proxectos e produción científica.
 
En canto á estrutura, o mestrado é presencial para favorecer o traballo en aula e os obradoiros, conta con 60 créditos ECTS e pode cursarse nun ano ou en dous a tempo parcial. A docencia desenvolverase en horario de tarde, facilitando a compatibilidade laboral. Inclúe 9 materias obrigatorias, unha oferta flexíbel de optativas (cómpre escoller 5 entre 10 ofertadas), prácticas académicas externas e un traballo fin de mestrado. En todas elas, abórdanse intervencións en diversos tipos de territorios, desde centros históricos e periferias urbanas até áreas rurais ou espazos costeiros, cun enfoque actual e comprometido.
 

Ramón López

more insights