A loita por ampliar as fronteiras marítimas

A Comisión de Límites da Plataforma Continental (CLPC), vén de resolver favorablemente, aínda que de xeito provisional, a solicitude de España de ampliar a súa plataforma continental. A Convención das Nacións Unidas para sobre o Dereito do Mar permite que os estados soliciten esta ampliación ata as 350 millas sempre que a plataforma continental se estenda máis alá das 200 millas náuticas, onde remata a Zona Económica Exclusiva, e sempre que non supoña conflito cos dereitos doutro estado.

A ampliación solicitada por España en 2009 supón a incorporación dunha extensión próxima aos 40.000 Km2 fronte á costa galega, onde se adquiren dereitos de exploración e explotación dos recursos naturais do leito do mar e do subsolo, pero tamén a obriga de protección e preservación do medio mariño. E aínda que non se coñece con exactitude a localización dos vertidos de residuos nucleares realizados na segunda metade do século XX na Fosa Atlántica e próximos á costa galega, parte destas zonas profundas pasarán a ser de xurisdición española, o que permite imaxinar a posibilidade de que se emprendan accións específicas para a localización e o tratamento do lixo depositado, e a necesidade de que así se faga. España ten solicitado máis ampliacións, en concreto ao oeste das illas Canarias.

A solicitude pendente de resolver nesta zona súmase ás realizadas por Portugal para a zona de Madeira. E aínda que existe unha zona en disputa relativa as Illas Salvaxes, España e Portugal teñen manifestado á CLPC a ausencia de disputas, a pesar de manifestan a falta de acordo sobre as fronteiras marítimas. Os estados peninsulares queren acadar a ampliación para posteriormente acordar a delimitación das plataformas ampliadas, porque se hai conflito, non hai ampliación.

 

Ángeles Piñeiro Antelo

more insights