O día 12 de novembro, no marco do XII Congreso Internacional de Ordenación do Territorio —organizado por FUNDICOT; https://www.fundicot.org/XII-ciot/— o Departamento de Xeografía da USC, colaborador científico do Congreso, organizou unha mesa redonda titulada “A necesaria planificación territorial estratégica en clave transfronteriza”.
Na mesa, moderada por Juan M. Trillo, Director do Departamento, interviñeron Inês Gusman, Directora do Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER); Valerià Paül, profesor do Departamento de Xeografía da USC; Jesús Felicidades, profesor do Departamento de Historia, Geografía y Antropología da Universidad de Huelva; e Luis M. Ulloa, técnico do AECT Rio Minho.
O debate xirou en torno a como a planificación estratéxica, definida como non vinculante e froito dun proceso participativo entre os distintos actores do territorio, pode ser un instrumento fundamental para poder superar os límites político-administrativos dos Estados. En efecto, esta planificación busca consensuar unha visión común dun territorio transfronteirizo, e logo serán as administracións competentes as que leven a cabo as distintas actuacións coordinadas baixo esa idea compartida. Falouse, a estes efectos, do rol que desempeñan no marco comunitario figuras como os Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial (AECT), que xestionan fondos Interreg. En particular, tratouse dos casos do AECT Rio Minho, do AECT Eurociudad del Guadiana e do proxectado AECT Raia Seca Gerês/Xurés. Asemade, organismos como o FCEER poden servir de paraugas para articular espazos de cooperación territorial cunha visión estratéxica transfronteiriza.
A mesa, en definitiva, xerou un intenso debate, no que xurdiron cuestións como gobernanza, servizos compartidos, espazos de vida cotiá, obstáculos fronteirizos, etc. Un tema, sen dúbida, que ten un gran percorrido na Xeografía e na ordenación do territorio, que seguirá dando que falar no curto e medio prazo.
Juan M. Trillo