A Feira das Profesións celebrouse o pasado mércores 29 de abril en Bertamiráns, na que estivo presente o Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio da USC. Esta iniciativa, organizada co obxectivo de dar a coñecer ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato a diversidade da oferta formativa en Galicia, contou con 46 expositores e recibiu a visita de máis de 800 estudantes.
O grao en Xeografía e OT dispuxo dun espazo propio no cal un equipo de 4º curso amosou aos asistentes a relevancia desta disciplina no mundo actual. Os estudantes romperon cos tópicos existentes no imaxinario colectivo que asocian a Xeografía a un saber meramente memorístico ou trivial. Pola contra, puxeron en valor as oportunidades que ofrece para comprender mellor o mundo que nos rodea e a relación que mantemos con el, un coñecemento esencial para logo poder transformalo.
No expositor, os divulgadores amosaron que a Xeografía estuda cidades, rexións, culturas e ecosistemas diversos para entender que cada territorio, paisaxe e ambiente é único. Así mesmo, puxeron o foco na ampla variedade de saídas profesionais que ofrece o grao, desde as vinculadas ás Tecnoloxías da Información Xeográfica, a Ordenación do Territorio ou o urbanismo, ata as centradas no medio ambiente, o desenvolvemento territorial, a investigación ou a docencia.
Gabriel Canle de Andrés