A Xeografía na USC

Estudar Xeografía na USC: a carreira total!

O Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio na USC capacita o estudantado para analizar, xestionar e propor solucións para os retos territoriais actuais e futuros. Isto conségueo mediante unha formación integral e transversal na que a aplicación práctica da Xeografía, a través da planificación territorial e do enfoque da sustentabilidade, acada un papel central.

O grao estrutúrase en catro cursos, cun total de 240 créditos. Todas as materias teñen 6 créditos (1 crédito equivale a 25h de traballo, que inclúen tanto horas lectivas nas aulas como horas de estudo autónomo). Polo tanto, cómpre cursar 40 materias (10 por curso). Nos tres primeiros cursos, as xeografías xerais e rexionais representan a metade das materias. No cuarto curso a Ordenación do territorio ten a principal carga lectiva.

As TIX apréndense sobre todo mediante as materias propias de carácter técnico, especialmente presentes en 1º e, sobre todo, en 2º curso. Asemade, ao longo de toda a carreira, incentívanse as TIX nas outras materias. A Facultade de Xeografía e Historia da USC conta con dúas aulas de laboratorio dedicadas permanentemente ao traballo con SIX.

O grao ofrece unha ampla optatividade: o 20% do total. Nela, figuran nun lugar destacado as prácticas académicas externas, altamente recomendadas. Ofrécese un total de catorce materias optativas que amosan a práctica actual da Xeografía e a Ordenación do territorio. Os 48 créditos optativos pódense cursar sen mención, ou mediante dúas mencións: unha centrada nas actividades humanas e outra orientada ao medio ambiente.

O grao está impartido por unha equipa comprometida de docentes do Departamento de Xeografía da USC, que procura o seguimento personalizado de cada estudante. O perfil do profesorado é novo, cunha preocupación constante pola actualización e a reciclaxe, e en contacto permanente co mercado laboral.