A Xeografía traballando nas Terras do Miño–Serra do Xistral, recoñecida como paisaxe emblemática mundial

A Reserva da Biosfera Terras do Miño e, moi especialmente, as turbeiras da Serra do Xistral, acaban de dar un paso histórico na súa proxección internacional. O espazo foi incorporado á rede de Global Flagship Landscapes de Wetlands International, a organización de referencia mundial na conservación e restauración de humidais. As turbeiras atlánticas do noroeste ibérico sitúanse nun escaparate de primeira orde para a biodiversidade, a regulación hidrolóxica e a acción climática. Un recoñecemento impulsado desde a USC – CISPAC e o Centro Ibérico de Restauración Fluvial (CIREF), onde o xeógrafo Horacio García forma parte do equipo nuclear.

O traballo enmárcase no proxecto europeo SpongeBoost, financiado polo programa Horizon Europe, que busca mellorar a función “esponxa” dos ecosistemas de auga doce e dos solos: reter auga no territorio, amortecer extremos hidrolóxicos e xerar beneficios múltiples para a sociedade e a natureza mediante solucións baseadas na natureza. Ademais, esta acción está directamente vinculada á tese de doutoramento de Aniela Stachnik-Pérez, dirixida polos profesores Xabier Pontevedra Pombal e Horacio García, titulada “Avaliación hidrolóxica da función esponxa das turbeiras da Serra do Xistral para o desenvolvemento de estratexias de xestión sostible”.

Na estratexia global Wetlands for Life (2026–2035), Wetlands International aposta por reforzar o seu traballo nestas paisaxes emblemáticas como territorios demostrativos nos que a acción sobre humidais pode acelerar cambios transformadores. As turbeiras non son espazos marxinais nin residuais, senón ecosistemas estratéxicos para o futuro. Son sumidoiros de carbono, reguladores do ciclo hidrolóxico, refuxios de biodiversidade e arquivos paleoambientais que nos permiten reconstruír miles de anos de historia climática e ambiental.

SpongeBoost Project

more insights