Alumnado de 1º de Xeografía participará nun proxecto ApS de custodia do territorio

O proxecto “Coñecer para protexer: O Souto” desenvolverase ao longo do primeiro cuadrimestre do curso 2025-2026 como unha experiencia de Aprendizaxe-Servizo (ApS) impulsada desde a USC. A iniciativa procura contribuír á defensa e valorización do Souto de Roxos, un espazo de alto valor nos arredores de Compostela que, malia o seu valor ambiental e cultural, carece aínda de recoñecemento institucional como territorio protexido.

Co apoio da Plataforma pola Recuperación do Río Sar e do colectivo A Rula, o alumnado de Xeografía Humana I explorará novas fórmulas de protección dun espazo desde unha perspectiva participativa e comunitaria. A experiencia contará con actividades sobre o terreo e visitas á Facultade de Xeografía e Historia de actores chave na custodia dun territorio tensionado por diferentes localizacións industriais.

A proposta procura conectar o coñecemento territorial co compromiso social, dando protagonismo ao tecido asociativo na defensa dos bens comúns. Neste sentido, as actividades participadas polo alumnado orientaranse á promoción do Souto como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha proposta impulsada por colectivos veciñais e pendente de aprobación institucional desde o ano 2022. A través desta experiencia, a Universidade actúa como aliada para impulsar unha boa práctica de gobernanza baseada na custodia do territorio.

Diego Cidrás

Este proxecto intégrase na X Convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da USC.

more insights