Alumnado de 2º de Xeografía explora os SIX na xestión de incendios forestais

O alumnado de 2º curso do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio explorou neste mes de abril o potencial dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) aplicados á loita contra os incendios forestais. No marco da materia Aplicacións e Proxectos SIX, coordinada por Diego Cidrás, o grupo visitou o Centro de Coordinación Central contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, unha infraestrutura chave na xestión dos incendios en territorio galego.

O centro desenvolve, entre outras funcións, o seguimento en tempo real dos incendios e a coordinación dos medios de extinción, apoiándose nunha infraestrutura tecnolóxica complexa. O eixo vertebrador do seu sistema é Xeocode, unha plataforma SIX multiplataforma que permite integrar e visualizar información espacial en directo, facilitando a toma de decisións sobre o terreo.

Ao longo da mañá, o alumnado tivo a ocasión de explorar as diferentes funcionalidades de Xeocode, así como de discutir a utilidade das análises espaciais que incorpora. A experiencia permitiu achegarse a un uso avanzado dos SIX, evidenciando o seu papel fundamental na abordaxe de situacións de crises con marcado carácter espacial.

Diego Cidrás

more insights