O pasado 25 de setembro celebrouse no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela o seminario metodolóxico do proxecto «Superación de obstáculos fronteirizos na raia hispano-portuguesa para o desenvolvemento territorial sustentábel» (OBSTERRIT), proxecto de I+D+i ref. PID2024-161193OB-I00 financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 e por FEDER/UE. No encontro participaron unha vintena de investigadores de seis universidades pertencentes a tres países diferentes.
O obxectivo do seminario foi sentar as bases partilladas das estratexias de investigación sobre os obstáculos fronteirizos, especialmente a través de técnicas cualitativas como as entrevistas e os grupos focais. O proxecto pretende avanzar no coñecemento destes obstáculos na fronteira hispano-portuguesa, un ámbito que até o de agora foi abordado desde unha perspectiva fundamentalmente xurídica. En cambio, OBSTERRIT propón analizalos cunha óptica prospectiva, en chave de desenvolvemento territorial e no marco do paradigma do desenvolvemento sustentábel.
A pesar de que a Unión Europea promove desde hai décadas a redución dos obstáculos fronteirizos e financiou iniciativas como Interreg para a súa xestión, estes continúan presentes en ámbitos como a xestión dos incendios forestais, os recursos naturais, a educación ou as infraestruturas e os servizos de mobilidade. Nesta mesma liña, en 2025 aprobouse un novo regulamento comunitario, coñecido como BRIDGEforEU, cuxa aplicación aínda suscita numerosos interrogantes. O proxecto OBSTERRIT pretende contribuír á xeración de coñecemento útil para a mitigación destes obstáculos e para a mellora da cooperación territorial na raia hispano-portuguesa.
Valerià Paül & Juanma Trillo