“Coñecer para protexer: O Souto”, premio AGE de innovación educativa 2026

O proxecto Coñecer para protexer: O Souto, desenvolvido polo alumnado de Xeografía Humana I, vén de ser recoñecido co primeiro premio na modalidade universitaria dos Premios ao Mellor Proxecto de Innovación Educativa en Xeografía 2026, convocados pola Asociación Española de Geografía (AGE).

A iniciativa, coordinada por Diego Cidrás, foi impulsada como unha experiencia de Aprendizaxe-Servizo orientada á custodia e divulgación do Souto de Roxos, un espazo natural periurbano de alto valor paisaxístico que, malia súa relevancia, sofre ameazas ambientais de forma recorrente.

En colaboración coa Plataforma pola Recuperación do Río Sar e o Colectivo A Rula, o alumnado traballou no desenvolvemento de materiais cartográficos, contidos divulgativos e propostas de ciencia cidadá orientadas a reforzar a candidatura do Souto como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

O proxecto culminou coa publicación do portal www.osouto.gal, unha ferramenta aberta que reúne recursos interpretativos sobre este bosque, co obxectivo de socializar os valores do Souto e contribuír á súa conservación.

Este recoñecemento da AGE pon en valor unha proposta docente comprometida co territorio e cos colectivos mobilizados pola súa custodia. Á espera da súa renovación pola USC, prevese que o proxecto continúe a súa andaina no vindeiro curso académico.

Máis información en @xeografia.gal e @osouto.gal!

Este proxecto intégrase na X Convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da USC.

more insights