O alumnado de 1º culmina un proxecto ApS coa publicación de www.osouto.gal

O proxecto “Coñecer para protexer: O Souto”, desenvolvido durante o primeiro cuadrimestre polo alumnado de Xeografía Humana I, culminou coa edición e publicación do portal www.osouto.gal. Esta web ten como obxectivo socializar os valores do Souto e apoiar o proceso de custodia e protección deste bosque periurbano.

A iniciativa, impulsada como unha experiencia de Aprendizaxe-Servizo (ApS) pola USC, foi coordinada por Diego Cidrás e contou coa colaboración da Plataforma pola Recuperación do Río Sar e do Colectivo A Rula, entidades implicadas desde hai anos na defensa dun territorio de alto valor paisaxístico, mais aínda sen recoñecemento institucional como espazo protexido. Ao longo do proxecto, o alumnado operou da man dos colectivos, traballou sobre o campo e desenvolveu materiais cartográficos e divulgativos que foron adaptados a un formato web accesible para a cidadanía.

O novo portal inclúe contidos interpretativos sobre o territorio, recursos cartográficos, itinerarios de interese e propostas de participación e ciencia cidadá, co obxectivo de contribuír á divulgación do Souto e fortalecer a súa candidatura como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). A presentación da web realizouse na asemblea ordinaria da Plataforma pola Recuperación do Río Sar, onde se acordou tamén apoiar o mantemento do dominio .gal, garantindo así a continuidade do proxecto no tempo ata unha futurible nova convocatoria ApS. 

Diego Cidrás

Este proxecto intégrase na X Convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da USC.

more insights