Lucrezia Lopez, Profesora do Departamento de Xeografía e directora do CETUR, xunto con Mar Durán (Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, Coordinadora do GI- ULTRAMAR), participaron entre o 27 e o 30 de marzo nun encontro internacional en Budapest no marco do proxecto europeo EUniWell.
O evento, organizado polo Instituto de Saúde Mental h da Semmelweis University, desenvolveuse dentro do proxecto Pilgrim-Aphy-Tour, liderado pola Profesora Lucrezia Lopez e centrado na análise da peregrinación como ferramenta de benestar. No encontro participaron tamén equipos das universidades de Florencia e Kyiv. Durante as sesións de traballo revisouse o estado do proxecto, os avances da investigación, os plans de publicación e os seguintes pasos, incluíndo aspectos organizativos relacionados coa peregrinación a Santiago. Ademais, celebrouse unha conferencia aberta ao público na que interviñeron as investigadoras da USC coa charla “O Camiño de Santiago: unha ruta polisémica. Dinámicas actuais e perspectivas de futuro”. Nela analizaron as dinámicas actuais do Camiño de Santiago, as súas perspectivas de futuro e a importancia de estudar os perfís e motivacións das persoas peregrinas, especialmente en relación coa saúde e o seu potencial terapéutico, así como a necesidade dunha planificación máis sostible.
O encontro serviu tamén para reforzar a cooperación entre universidades, impulsar novas liñas de investigación e avanzar en publicacións e iniciativas conxuntas. O proxecto Pilgrim-Aphy-Tour estuda os beneficios físicos, mentais e sociais da peregrinación a pé mediante cuestionarios e entrevistas en rutas como o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e o Camiño de María. O evento final celebrarase en Santiago de Compostela e estará aberto á cidadanía.
Lucrezia López