O pasado 29 de xullo tivo lugar na Veiga/Vegadeo (Asturias) un seminario de transferencia de resultados sobre o traballo realizado no territorio da Asociación Intermunicipal InterEo e da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, un ámbito situado entre Asturias e Galiza. Esta zona foi un dos casos de estudo entre 2022 e 2025 no marco do proxecto de investigación TRANSINTER-A (PID2021-126922NB-C22), financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Axencia Estatal de Investigación (AEI) e os fondos europeos FEDER a través do programa «Un xeito de facer Europa».
O seminario celebrouse un ano despois da realización de tres sesións de grupos focais, que tiveron lugar en xuño de 2024, e contou coa participación dos dous investigadores principais do proxecto, os profesores Valerià Paül e Juan M. Trillo, así como do profesor Miguel Pazos, membro da equipa. Durante a xornada presentáronse os principais resultados da investigación, entre os que destaca o papel da fronteira entre comunidades autónomas como un obstáculo para a cooperación e a escasa visibilidade das estruturas de cooperación existentes, como a asociación intermunicipal e mesmo a propia Reserva da Biosfera. Segundo os actores locais que participaron nos grupos focais, estas estruturas resultan «invisíbeis» no día a día do territorio.
Ademais da análise crítica, a sesión valeu para partillar propostas e ideas de futuro. Inspirándose nas experiencias doutros espazos de cooperación transfronteiriza, como a Raia galego-portuguesa, a equipa investigadora puxo sobre a mesa a posibilidade de avanzar cara a unha estratexia territorial máis sólida, malia que neste caso non se poida dispor de fondos INTERREG.
O debate foi moi activo e deixouse a porta aberta a recoller as principais liñas de acción traballadas durante o seminario nun documento posterior. Entre as medidas propostas destaca a posibilidade de reactivar grupos de acción local para o desenvolvemento rural de carácter interautonómico que poidan xestionar fondos LEADER no período 2028–2034, como xa ocorreu neste territorio no 2000–2006. Esta proposta implicaría o compromiso do actual Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Tamén se subliñou a necesidade de dotar a Reserva da Biosfera dun órgano xestor propio de acordo co plan de acción aprobado, enraizado no territorio e en conexión directa coa Rede Española de Reservas da Biosfera, coordinada polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), sen prexuízo das competencias que teñen nela as dúas administracións que a propuxeron: a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias.
Miguel Pazos