Unha praza, un parque ou unha rúa parecen abertos a todo o mundo, pero non sempre o están. Beirarrúas estreitas, escaleiras sen alternativa, zonas mal iluminadas ou a falta de bancos e sombra fan que moitas persoas (maiores, nenos e nenas, mulleres, persoas con discapacidade) deixen de usalos. Analizar estas desigualdades no territorio e propoñer solucións tamén é Xeografía.
Ese é o punto de partida de DIPS, un proxecto europeo coordinado pola profesora do Departamento de Xeografía da USC María José Piñeira Mantiñán e financiado polo programa Erasmus+. O seu obxectivo é crear un mestrado en deseño de espazos públicos inclusivos xunto con universidades de Arxentina, Paraguai e Ecuador.
Do 16 ao 18 de setembro, o equipo reuniuse na Universidade Nacional de Rosario. Alí avanzou no plan de estudos, que incorporará autoras e autores latinoamericanos e metodoloxías participativas con veciñanza e colectivos locais. Os participantes percorreron tamén a cidade. Rosario transformou o seu antigo porto nun gran paseo público accesible que combina patrimonio, lecer, mobilidade peonil e inclusión social. A visita completouse no Centro Astronómico Municipal, que adapta as súas actividades a persoas maiores, nenos e nenas, persoas con autismo ou con discapacidade.
A experiencia de Rosario mostra como a Xeografía axuda a entender como vivimos a cidade e a deseñar espazos nos que ninguén quede fóra.
María José Piñeira