A Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas e a Prefectura del Carchi, un dos gobernos provinciais do norte do Ecuador, organizaron un ciclo de seminarios sobre integración e gobernanza transfronteirizas entre Ecuador e Colombia. Esta iniciativa desenvólvese pola vontade local de seguir na senda da cooperación transfronteiriza nas zonas de integración estabelecidas no seo da Comunidad Andina, nun momento no que están a medrar as tensións entre os gobernos centrais de Ecuador e Colombia. Os seminarios contaron coa asistencia de máis de cen persoas en cada sesión.
No primeiro dos seminarios, celebrado o 18 de marzo, participaron dous profesores do Departamento de Xeografía da USC. Juan M. Trillo falou sobre gobernanza transfronteiriza, referíndose á casuística europea, mais tamén á de América Latina, que caracterizou nun artigo recente. Deseguido, Valerià Paül centrouse no foco posto polos organizadores destes seminarios: a cuestión ambiental. Subliñou así de que xeito se poden superar os obstáculos/barreiras existentes ligados ás fronteiras nesta materia: xestión de bacías hidrográficas partilladas, espazos naturais protexidos, etc. Nos últimos anos, determinadas estratexias territoriais transfronteirizas avanzan nesta dirección, como no futuro AECT Raia Seca e Gerês/Xurés.
No segundo dos seminarios, celebrado o 26 de marzo, Roberto Vila Lage, investigador posdoutoral do Departamento de Xeografía da USC, falou sobre a experiencia das áreas protexidas na fronteira hispano-portuguesa, abordando tamén o papel das reservas da biosfera en España e das reservas da biosfera transfronteirizas existentes ao redor do mundo. A partir de artigos seus especializados nesta cuestión, amosou o potencial que estas presentan para as rexións fronteirizas.
Estas intervencións son parte do desenvolvemento do proxecto de I+D+i OBSTERRIT, ref. PID2024-161193OB-I000, financiado polo MICIU/AEI/10.13039/501100011033 e polo FEDER/UE. Ademais, Roberto Vila Lage conta co financiamento da Xunta de Galicia a través do Programa Posdoutoral (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional).
Valerià Paül