Que é a xeografía

A Xeografía: moito máis ca ríos e capitais de países!

A Xeografía non só se dedica a facer mapas nos que representar ríos ou países e capitais. Sobre todo, esta disciplina pretende comprender como as persoas nos relacionamos co planeta no que vivimos.

A Xeografía esperta a curiosidade polo mundo, estudando cidades, rexións, culturas e ecosistemas diversos, de xeito que permite entender por que cada territorio, cada paisaxe e cada ambiente é único e singular. Fomenta, amais, a conexión constante entre o nivel local e o global.

Se che apaixona entender o mundo e procurar cambialo, a Xeografía é o teu camiño!

Unha ciencia chave para un mundo cambiante e dixital

Esta disciplina enlaza as ciencias sociais, humanas e naturais. Isto axuda a comprender na súa complexidade retos globais como o cambio climático, as desigualdades, a sustentabilidade, as migracións ou os conflitos xeopolíticos, contribuíndo a actuar para solucionar os problemas existentes.

Como di Alexander B. Murphy(2018), «se só miramos os factores humanos ou naturais, non entenderemos o que pasa nin por que». Neste senso, os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) teñen un forte compoñente xeográfico, pois tratan cuestións como a loita contra a pobreza, a xestión da auga ou a planificación urbana sustentábel.

A Xeografía evolucionou moito recentemente coas Tecnoloxías da Información Xeográfica (TIX), en particular os Sistemas de Información Xeográfica (SIX). Mesmo agora se fala en termos de «Neoxeografía», é dicir, ofrecer mapas interactivos e datos en tempo real.