Traballos de Fin de Grao de Xeografía protagonistas do Xeoparque do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel reforza a súa relación coa USC grazas á presentación de novas investigacións que teñen como protagonista este singular territorio recoñecido pola UNESCO. Dous dos recentes traballos de fin de grao (TFG) presentados na USC achegan novas perspectivas sobre a riqueza natural e paisaxística do Courel.

Por unha banda, a estudante Carla González Adán elaborou o traballo titulado “Análise bioxeográfica en tres tramos dos ríos Ferreiriño e Seco”, baixo a dirección de Horacio García e a codirección de Manuela Costa. A súa investigación céntrase na vexetación de ribeira destes cursos fluviais, combinando inventarios de campo, localizacións con GPS e análise da estrutura do bosque mediante tecnoloxía LiDAR. Este enfoque ofrece unha visión ecolóxica que complementa os estudos xeomorfolóxicos previos e permite comprender mellor como a vexetación interactúa coas dinámicas fluviais, respondendo a factores como os incendios forestais ou a presenza de especies invasoras. Ademais, a aplicación de ferramentas como o LiDAR achega información clave para a conservación e xestión sostible destes ecosistemas.

Pola súa parte, o estudante Asier Barbosa Cajiao presentou o traballo “A Seara como aula natural: roteiro bioxeográfico e paisaxístico pola Serra do Courel”, dirixido por Manuela Costa e codirixido por Horacio García. O estudo céntrase no val da Seara e abrangue a ruta de sendeirismo PR-G 184 ata a lagoa da Lucenza, analizando a relación entre o relevo de orixe glaciar e a vexetación actual, tendo en conta tanto factores físicos como históricos e ecolóxicos. A investigación non só supón unha análise científica, senón que tamén propón un itinerario interpretativo con clara vocación didáctica, pensado para a educación ambiental e a divulgación do coñecemento científico. Estes traballos demostran como a investigación universitaria continúa a ser unha ferramenta esencial para poñer en valor o patrimonio natural e cultural.

Horacio García García

more insights