Transferencia a Galicia das competencias en xestión do litoral

A ordenación do espazo marítimo e litoral vén cobrando unha importancia cada vez maior nas últimas décadas, debido ao aumento da intensidade de uso dos océanos e á necesidade do seu uso e xestión sustentables. Esta ordenación permite unha xestión planificada das zonas costeiras e marítimas para evitar a súa sobreexplotación e minimizar os impactos sobre os ecosistemas. Dez anos despois da Directiva 2014/89/UE, pola que se estableceu un marco europeo para a ordenación do espazo marítimo, a economía azul precisa dunha planificación territorial eficiente para evitar conflitos entre actividades económicas e para garantir que os beneficios económicos do mar sexan sustentables no tempo sen poñer en risco a conservación ambiental.

Neste marco, vén de crearse na USC o Núcleo de Estudos do Litoral (NEAL), adscrito ao IDEGA, co obxectivo de afondar nos desafíos xurídicos, económicos, sociais e ambientais da ordenación do litoral galego nun momento de grandes cambios no marco competencial, pola aprobación da Lei 4/2023, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia e do sector eólico mariño en Galicia, e pola entrada en vigor, o 1 de xullo de 2025, da transferencia a Galicia das competencias sobre o litoral.

Ángeles Piñeiro Antelo

more insights