O pasado día 20 de Febreiro, os/as estudantes de segundo curso do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio realizaron unha saída de campo ao Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. A xornada enmarcouse nas materias de Técnicas de Campo e Laboratorio e Fotointerpretación e Teledetección, e foi dirixida polos profesores Ramón Blanco ‘Mochi’, Manuela Costa ‘Nue’ e Horacio García.
A xornada comezou no centro de visitantes do Parque, onde o persoal técnico ofreceunos unha charla introdutoria sobre o que significa e implica a figura de protección dun parque natural, que é un PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión) e cales son as características e particularidades que fan de Corrubedo un espazo singular no conxunto do litoral galego. Tras a charla, iniciamos unha ruta a pé con varias paradas ao longo do complexo de Carregal, observando a dinámica deste sistema intermareal. Ao longo do percorrido, analizáronse as presións que este espazo sufriu ao longo das últimas décadas, desde a extracción de area ata o turismo de duna, e as medidas de xestión e restauración que se foron aplicando. En paralelo, abordáronse aspectos prácticos de identificación de especies vexetais dunares, manexo de GPS e recoñecemento de elementos xeomorfolóxicos sobre o terreo e mediante imaxes de teledetección. A xornada continuou pola tarde cun desprazamento cara ao miradoiro da lagoa de Vixán. Desde este punto privilexiado, leváronse a cabo diversas explicacións sobre a orixe e funcionamento desta lagoa de auga doce, a súa relación co sistema dunar e a importancia ecolóxica do conxunto do espazo protexido.
A saída permitiu conectar os contidos traballados na aula coa realidade territorial, integrando nunha mesma xornada coñecementos de xeomorfoloxía costeira, bioxeografía, cambios de usos do solo, teledetección e xestión ambiental, así como discutir cales son os retos que afronta a conservación destes espazos nun contexto de cambio global.
Horacio García