Xeografía da USC achega novas reflexións ao debate sobre a paisaxe cultural da Ribeira Sacra

A investigación dos xeógrafos da Universidade de Santiago de Compostela Valerià Paül, Juan M. Trillo e Roberto Vila-Lage estivo presente no 5º Encontro en torno ao viño, que se celebrou en Quiroga o pasado 12 de xuño de 2026. A reflexión produciuse nun momento especialmente acaído, cando a Ribeira Sacra volta situarse no centro da actualidade tras o recente informe de ICOMOS, que desaconsella por agora a súa inscrición como Patrimonio Mundial. Con todo, esta valoración non pecha o proceso nin impide unha eventual declaración.

A candidatura da Ribeira Sacra presenta unha singularidade destacada: trátase da proposta española que máis tempo leva na Listaxe Indicativa do Patrimonio Mundial, desde 1996. Tres décadas logo da súa incorporación a esa relación tentativa, continúa a ser obxecto de debate. Ese documento de intencións define a Ribeira Sacra como unha área «très bien délimitée géographiquement», unha afirmación que a investigación da USC cuestiona de xeito fundamentado. Segundo o estudo, a delimitación desta rexión resulta moito máis problemática e cambiante do que adoita asumirse.

O traballo realizado revisou criticamente a aplicación da noción de paisaxe cultural á Ribeira Sacra. Cal é realmente o seu elemento vertebrador: a auga, os canóns fluviais, os mosteiros, os socalcos nas abas de pendente pronunciada ou a complexa combinación de todos eles? A investigación sostén que a Ribeira Sacra é unha construción territorial relativamente recente, consolidada a partir dos anos 1990, ligada tanto ás políticas de promoción turística como á configuración da denominación de orixe vitivinícola, e non unha rexión claramente recoñecida pola tradición xeográfica anterior. Esta indefinición resulta especialmente relevante porque o concepto de paisaxe cultural está desde a súa orixe ligado ao de rexión, precisamente un dos aspectos que a investigación identifica como máis problemáticos no caso da Ribeira Sacra.

Os autores analizaron ao redor dunha trintena de delimitacións diferentes da Ribeira Sacra, unha diversidade que evidencia a dificultade de definir con precisión os límites dun ámbito que adoita presentarse como unha realidade xeográfica supostamente ben estabelecida. Algunhas delimitacións, de carácter turístico e de desenvolvemento rural, abranguen amplos ámbitos das provincias de Lugo e Ourense; outras, vencelladas á paisaxe e á protección patrimonial, son moito máis restritivas desde unha perspectiva espacial. Esta tensión reflíctese tamén na declaración do ben de interese cultural aprobada en 2018, que distingue entre unha paisaxe cultural reducida e unha área de estudo moito máis extensa. Ese marco patrimonial resulta chave porque constitúe a base da actual candidatura a Patrimonio Mundial. Así, a Xeografía achega argumentos, datos e reflexións que enriquecen un debate fundamental para comprender e valorar o futuro da Ribeira Sacra.
 

Valerià Paül

more insights