Varios integrantes do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela participaron entre os días 6 e 10 de xullo no 33º Coloquio da Comisión para a sustentabilidade dos sistemas rurais (CSSR) da Unión Xeográfica Internacional (UXI), celebrado en Xénova e noutras localizacións da rexión italiana de Liguria. A CSSR da UXI constitúe a rede científica máis consolidada de Xeografía rural a nivel mundial, con máis de tres décadas de traxectoria coa súa denominación actual e máis de medio século considerando os seus precedentes. A Xeografía da USC mantén unha presenza continuada neste foro internacional permanente, incluída a presidencia desa comisión exercida por un dos seus profesores entre 2020 e 2024.
Estes coloquios representan unha oportunidade singular para o intercambio académico e o fortalecemento da comunidade internacional de xeógrafos e xeógrafas rurais. Un dos seus trazos distintivos é a realización dunha saída de campo de varios días, concibida como un laboratorio vivo onde analizar actividades económicas (nomeadamente do sector primario) e procesos de transformación e conflitos nos espazos rurais, así como iniciativas vencelladas á súa sustentabilidade. Nesta edición, o percorrido desenvolveuse polo Parco Naturale Regionale del Beigua, o Biodistretto della Val di Vara e o Parco Nazionale delle Cinque Terre.
Entre as contribucións presentadas desde a USC, Diego Cidrás expuxo unha investigación sobre os efectos das plantacións forestais monoespecíficas nas condicións de vida e na experiencia residencial en Galiza, tomando como referencia a expansión do eucalipto nas últimas décadas. Pola súa banda, Roberto Vila-Lage e Alexander Amado analizaron o papel da cooperación transfronteiriza fronte ao desafío do despoboamento rural a partir dos casos do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Puerta/Porta de Europa e da proposta de AECT Raia Seca Gerês/Xurés. Finalmente, Valerià Paül abordou as mobilidades transfronteirizas asociadas á conservación da natureza na fronteira hispano-portuguesa, prestando especial atención ás iniciativas de rewilding impulsadas ao redor do val do Coa e da Sierra de la Culebra. Estas dúas últimas presentacións forman parte do proxecto de I+D+i OBSTERRIT ref. PID2024-161193OB-I00, financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 e por FEDER/UE.
Os resumos das investigacións presentadas poden consultarse na páxina web do coloquio. A activa participación da USC nesta xuntanza internacional evidencia a presenza continuada da Xeografía rural galega nos principais foros internacionais de debate, achegando estudos realizados desde realidades próximas a discusións de alcance global, nun diálogo que reforza mutuamente ambas as dúas escalas.
Valerià Paül