A profesora Manuela Costa Casais participou hai uns días nas “Xornadas Xeográficas 26. Investigación en Xeografía Física”, organizadas pola Facultade de Historia da Universidade de Vigo, cunha conferencia titulada “Depósitos Cuaternarios da Costa Galega como Patrimonio Natural: Investigación, Interpretación e Proxección en contextos educativos”.
Durante a súa intervención, abordouse a importancia dos depósitos costeiros como arquivos naturais capaces de conservar información fundamental para reconstruír a historia ambiental da costa galega ao longo de miles de anos. Estes rexistros permiten coñecer mellor a evolución do litoral, os cambios climáticos e as transformacións experimentadas polas paisaxes costeiras ao longo do tempo.
A conferencia serviu tamén para destacar o elevado valor científico, patrimonial e didáctico destes depósitos, que constitúen unha ferramenta de grande interese tanto para a investigación como para a educación ambiental e territorial. Manuela Costa presentou ademais os obxectivos e os primeiros resultados do proxecto de investigación MARXE (Arqueoloxía e Xeomorfoloxía do litoral na prehistoria recente da Ría de Arousa), financiado polo Plan Nacional de I+D+i e do que ela mesma é Coordinadora. O proxecto analiza as relacións entre as comunidades prehistóricas e os cambios da paisaxe litoral, combinando enfoques procedentes da Xeografía Física, a Xeomorfoloxía, a Paleoecoloxía e a Arqueoloxía.
A actividade espertou gran interese entre o estudantado e o profesorado asistente, rexistrándose unha participación de 100 persoas. O excelente seguimento das sesións puxo de manifesto o interese que suscitan actualmente os estudos sobre a dinámica litoral, a evolución da paisaxe e os retos asociados á conservación do patrimonio natural. Esta iniciativa tamén exemplifica como a Xeografía contribúe a comprender os cambios ambientais do pasado para afrontar mellor os desafíos do futuro.
Horacio García